A SOciedade de MOntes Sostibles de Cuns (SOMOSCuns) nace froito da necesidade de buscar unha solución aos problemas que está a vivir o monte de Cuns, así como a aldea en xeral. Estes problemas son fundamentalmente o abandono, os lumes e a baixa rendibilidade. O 90% do monte está abandonado, pois só unha manchea de veciños limpan e coidan as súas propiedades, inda así non todas elas. A idade media da aldea aumenta rapidamente, co que a xente vese imposibilitada para exercer traballos duros, e con pouco rendemento, como o coidado dos montes. Desta forma a cantidade de biomasa no monte medra ano tras ano constituíndo un foco de incendios. No 2006 este monte viviu un gran incendio no que os veciños temeron incluso polas súas casas. Na cabeza de todos quedará para sempre a imaxe dunha estrada chea de camións de bombeiros, algún dos cales case non collía nela. No 2013 o lume volveu a pasar moi cerca, un gran incendio fixo cinzas os montes de Romarís e Barbazán, queimando tamén casas. Despois de 7 anos, o monte atópase en perfecto estado para sufrir outro gran incendio. De non actuarmos, avellentamento e a perda da poboación levará a que Cuns sexa outra aldea fantasma mais en Galicia.
Obxectivos
O obxectivo primordial de SOMOSCuns é mellorar a calidade de vida dos veciños de Cuns a través da posta en valor da aldea no seu conxunto.
Os problemas
Os problemas da aldea de Cuns son exactamente os mesmos ca os de calquera outra aldea de Galicia, e pódense resumir na perda de habitantes e no avellentamento da poboación. Nembargantes, estas circunstancias poboacionais derivan en moitos outros problemas.
Tradicionalmente a xente de Cuns vivía da agricultura, pero ningún dos mozos da aldea continuou coas explotacións familiares. Deste xeito, hoxe en día só resta unha con 8 vacas, alén doutras 4 repartidas polo resto da aldea. Por outro lado, a única industria existente é un taller de pedra. O abandono das explotacións, a inexistencia de posibilidades na aldea e a marcha dos novos está levando ao avellentamento e a perda de poboación. A medio prazo será outra aldea fantasma de Galicia.
Estes problemas levan a un abandono continuo e irreversible do monte, o que provoca lumes como o acontecido no 2006 que arrasou o 60% do monte e ameazou con queimar varias vivendas, e que no 2013 se deixou ver nas aldeas veciñas. Agora mesmo o monte de Cuns é un polvorín de biomasa, que se estivo recargando dende o 2006. Se este empezase a arder, sería imposible parar o lume ata chegar á propia aldea, independentemente dos medios aportados. Isto, por suposto, volverá a acontecer se non se actúa.
Na zona baixa, xunta o río, hai unha gran cantidade de castiñeiros. Sen embargo, a xente non pode recoller as castañas por estaren inaccesibles por mor da gran cantidade de maleza existente. Nesa zona tamén existen tres muíños aos que os veciños de Cuns ían moer fai uns 50 anos. Arestora están moi deteriorados e sen visos dun cambio de tendencia, xa que ninguén os precisa e ninguén ten pensado reparalos. Asimesmo, non fai tantos anos que se podían pescar troitas no río, que agora non conta con peixe algún.
O noso proxecto
O primeiro punto a conseguir é que o monte non arda. Un xeito de acadalo é retirar a biomasa do monte e facelo rendible, xa que “o monte rendible non arde”. Para isto é indispensable que os veciños se asocien e poidan traballar o monte en conxunto, pois agora mesmo, debido a que cada veciño ten unha media dunhas 2 Ha divididas nunhas 15 leiras, é imposible sacarlle rendibilidade ó monte. Polo tanto, o primeiro obxectivo de SOMOSCuns pasa por conseguir asociar á maior cantidade de veciños posible e que estes cedan á sociedade a xestión dos seus terreos de monte. Desta forma poderemos crear un sistema de xestión eficiente, rexido estritamente por criterios técnicos, que buscará a máxima rendibilidade do monte.
Ademais levarase a cabo a posta en marcha dun sistema silvopastoral que compatibilice a produción de madeira coa explotación de distintas especies animais, cabalos, ovellas e vacas. Dando preferencia a razas autóctonas como o cabalo de pura raza galega, a cachena, caldelá,… Esperamos que o éxito desta iniciativa sexa tal que o monte non sexa capaz de producir pasto suficiente para os animais. Desta forma a sociedade arrendaría as parcelas de labradío do entorno para manter os animais. A concentración parcelaria pública de Cuns rematou no ano 1994, pero hoxe en día son poucas as leiras que realmente están a ser traballadas. Desta forma, ademais de axudar a repoboar especies en perigo de extinción e manter a biodiversidade, empezaríamos a amortizar a inversión millonaria da concentración parcelaria.
Na zona baixa do monte, xunta o río, non nos podemos propoñer plantar pinos ou eucaliptos, pois romperían a armonía da zona. A potenciación deste terreo centrarase na mellora e extensión do souto existente e a creación dun mercado de castaña e cogomelo.
Non queremos ser simplemente produtores de materia prima de calidade media, senón que aspiramos a competir nun mercado de excelencia e conseguir un alto valor engadido para todos os nosos produtos. Isto pasará necesariamente pola formación e a asociación en sistemas de I+D+i ca universidade e ca empresa privada.
Este proxecto non só busca revitalizar a aldea de forma comercial, senón tamén de forma recreativa. Queremos rehabilitar e poñer a funcionar os muíños existentes na zona baixa do monte, para que as novas xeracións vexan como se traballaba antigamente, e o que significaba moer un simple saco de millo. Nun dos muíños instalarase unha miniturbina hidráulica que, xunto con un ou varios paneis solares, podería xerar ~1kw de potencia, a cal permitiría iluminar os muíños, o río e a meirande parte do camiño con luminarias tipo LED. Tamén buscamos rehabilitar o río e volver a facelo apto para a pesca. Finalmente crearanse rutas de sendeirismo, BTT e equestres, que percorrerán todo o monte, dende a parte baixa, recollida e tranquila, ata o alto da Pena, dende o cal se pode divisar toda a ría de Muros e Noia e incluso a cidade de Santiago. Ao longo destes sendeiros instalaranse letreiros informativos relativos ás especies botánicas, ao funcionamento dos muíños e aos pobos e monumentos que se contemplan dende o mesmo. No concello temos un club ciclista moi activo chamado Revoltas e encargados de organizar a marcha BTT do Concello de Outes que todos os anos pasa polos nosos montes. Este monte reúne todas as condicións para albergar un campionato Galego de BTT ou incluso de España.
Propostas de actuación
Contamos cunha zona queimada no ano 2006, que contén na actualidade un rexenerado abundante e vigoroso, onde resulta urxente a aplicación dun clareo que reduza a densidade dos pés e do mato e ao mesmo tempo evite unha posible perda da masa por causa dos incendios.
Posteriormente sería beneficiosa a introdución progresiva de animais nalgunha destas zonas xa rozadas, que se alimentarían dos novos brotes, controlando dese xeito o sotobosque. Para levar a cabo este proceso deberán pecharse antes determinadas zonas e dotalas dalgún punto de auga para os animais.
Por último na zona do río, levando a cabo unha roza e actuacións de mellora nos pés de castiñeiro existentes, empezaríase a obter unha produción de froito que proporcionaría ingresos a curto prazo. Esta produción aumentaríase máis adiante coa plantación de máis pés e a mellora na calidade do material introducido.
As Sociedades de fomento Forestal (SOFOR)
A SOFOR é a figura xurídica creada pola Xunta de Galicia para fomentar e regular as sociedades de propietarios de montes. Son en esencia sociedades limitadas, aínda que cunha serie de requisitos a maiores para poder denominarse SOFOR.
Na SOFOR, os propietarios ceden a xestión das súas leiras de monte durante un tempo limitado, nunca inferior a 25 anos. Neste tempo a sociedade encargase de xestionar eses terreos e repartir os beneficios entre os socios. O propietario segue sendo o dono da leira en todo momento, e pode vendela, ou hipotecala pero non traballar nela.
Dentro do amplo abanico de posibilidades de asociación para a xestión conxunta do monte en SOMOS Cuns pensamos que esta é a figura que máis se adapta ás nosas necesidades. As razóns principais son que a xestión está en mans da Sociedade e non depende da disposición do propietario en cada momento, alén da seguridade xurídica que presenta a figura da S.L e o gran apoio institucional. A SOFOR é case a única posibilidade de arrancar co proxecto, xa que son prioritarias para a concesión de subvencións. Outras figuras recibirían unha inversión moito menor que retardaría e posiblemente impediría a posta en marcha desta iniciativa.